Este domingo 10 de febreiro de 2013, haberá festa do Antroido en Caranza



..o domingo 10 de Febreiro antroido en Caranza, organizado polas asociacións do barrio (López Bouza, Fuco Buxán, AMPA do IES Carvalho Calero, AMPA do CEIP Manuel Masdias e A Revolta).

Pasarúas de Antroido

Sairáse as 5 da tarde de As Telleiras, facendo un percorrido polo centro do barrio e rematando na SCDR Galicia de Caranza onde actuará a comparsa A Revolta de Trasancos, a carón do centro cívico. A música o baile e a actuación das comparsas que participen, amenizarán a tarde de Antroido.

Facemos un chamamento á participación cidadá na festa do Antroido, disfrazando-se e participando nos actos que van ter lugar este Domingo no barrio.

***

Foi a Primeira Sesión das II Xornadas Comunitarias sobre o Mercado de Caranza



"Estamos proxectando o Mercado de Caranza, trae a túa idea"

Despois de celebrada a primeira Xornada Comunitaria o 19 de Maio, dentro das propias instalacións do Mercado Municipal, celebramos agora esta segunda xornada, nunha primeira sesión, coa intención de continuar traballando en comunidade para a posta en valor do mercado e comezar a criar colectivamente o proxecto da súa recuperación.

As cinco asociacións do barrio, temos a intención de seguir co proxecto comunitario de incentivar e dinamizar a participación veciñal nos problemas que nos preocupan e as necesidades colectivas do barrio. Consideramos no seu momento que o Mercado, a propia edificación depauperada e o espazo que o rodea, en especial a traseira totalmente inutilizara, merecían outro tratamento por parte das autoridades municipais e a propia veciñanza. E niso estamos.

Despois de diversas reunións e debates, recollida de información e reflexión sobre o a mesma. Fixemos unha enquisa a comerciantes; e as operadoras e operadores do Mercado, que analizamos nesta primeira sesión este pasado Sábado 30 de Xuño.

Nesta primeira sesión deseñou-se as bases dun proxecto, un proxecto cos contributos e opinións da veciñanza. Acordou-se non convocar as seguintes sesións estabelecidas no programa (que estaba previsto realizar os días 14 e 28 deste mes), pois considerou-se necesario elaborar un mínimo proxecto e dar-lle visibilidade nun formato infográfico, para achegar-nos a un número maior de persoas que poidan opinar e contribuír na elaboración do anteproxecto do espazo público e un programa de intervención no Mercado, coa intención de presentar-llo ao Concello. Dando-lle ao mesmo máis difusión entre a veciñanza até Setembro.

Para seguir elaborando o proxecto quedamos para o vindeiro Mércores 11 de Xullo, ás 8 da tarde no local social de 'Fuco buxán', na rúa Armada Española nº 32 Baixo, para realizar unha xuntanza aberta das asociacións.

Documento Anexo en formato -pdf:

Dossier para as Equipas de Traballo

Contido do Dossier:

Índice

1. OBXECTIVOS
2. PROGRAMA
3. MATERIAIS NECESARIOS
4. METODOLOXÍA

ANEXOS DOCUMENTACIÓN:

A. ACCESOS AO MERCADO.
B. PLANTAS DE DISTRIBUCIÓN DOS LOCAIS EN USO.
C. SECCIÓN MERCADO.
D. CADROS DE SUPERFICIES.
E. ENQUISA A VECIÑANZA.
F. ENQUISA AOS OPERADORES DO MERCADO.

***

II Xornadas Comunitarias "Estamos proxectando o Mercado de Caranza", trae a túa idea - 30 de Xuño 1ª Sesión; 14 de Xullo 2ª Sesión e 28 de Xullo 3ª Sesión


O sábado 19 de Maio, celebrabamos a primeira Xornada Comunitaria sobre o Mercado de Caranza, foi a primeira cita para, dentro das propias instalacións do Mercado Municipal, celebrar unha primeira xornada comunitaria para a posta en valor do mercado e comezar a criar colectivamente o proxecto da súa recuperación, foi o primeiro obxectivo que nos marcamos. Desde aquela continuamos, as cinco asociacións do barrio, coa intención de seguir co proxecto comunitario de incentivar e dinamizar a participación veciñal nos problemas que nos preocupan e as necesidades colectivas do barrio. Consideramos no seu momento que o Mercado, a propia edificación depauperada e o espazo que o rodea, en especial a traseira totalmente infrautilizada e abandonada, merecían outro tratamento por parte das autoridades municipais e a propia veciñanza. E niso estamos.

A esa primeira Xornada, continuaron reunión e debates, recollida de información e reflexión sobre o a mesma. Fixemos unha enquisa a comerciantes; e as operadoras e opreradores do Mercado, da cal temos unha análise que debatiremos na primeira sesión deste Sábado 30 de Xuño.

Estas Segundas Xornadas que veñen, divididas en tres sesións que realizaremos os días 30 deste mes e os 14 e 28 do mes de Xullo, teñen o obxectivo de elaborar un anteproxecto no espazo público e un programa de intervención no Mercado, coa intención de presentar-llo ao Concello.

Veciña, veciño, persoa interesada no traballo comunitario de calquera barrio ou lugar, pode participar nestas xornadas que facemos con vontade construtiva, transformadora e coa participación cidadá.



Un obradoiro aberto (sen inscripción previa), mínimo 3 xornadas: 30 de xuño, 14 de xullo e 28 de xullo.


Obxectivos xerais:
  • Elaborar un anteproxecto de intervención no espazo público.
  • Elaborar un programa de intervención no mercado.
    (para presentarlle ao concello)


Sesión 1: día 30 de xuño


Obxectivos:
  • Presentación do obradoiro
  • Introducción á participación veciñal no urbanismo
  • Acordo sobre programa do mercado.
  • Programa
11.00 Presentación


11.15 Exposición doutras experiencias de proxectos participados.


12.00 Formación de equipas de traballo e entrega do material.


12.15 Traballo en grupo. Análise das enquisas, propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)


12.45 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.


13.15 Discusión do banco de propostas. Acordo sobre programa de usos.


13.45 Conclusións.


14.00 Remate.
  • Materiais necesarios
  • Pequeno dossier dando información sobre o mercado e o seu uso
  • Actual (1 por grupo)
  • Resume resultados das enquisas.
  • Presentación en powerpoint (automática) para explicar exemplos
  • De participación veciñal en urbanismo.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.


Sesión 2: día 14 de xullo


Obxectivos:
  • Acordo sobre programa do espazo público.
  • Programa


11.00 Formación de equipas de traballo e entrega de materiais


11.15 Traballo en grupo. Análise das enquisas. Propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)


12.00 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.


12.30 Discusión do banco de propostas. Acordo.


13.15 Conclusións. Documento de programa para o mercado.


13.30 Remate.
  • Materiais necesarios
  • Pequeno dossier dando información sobre o espazo (1 por grupo).
  • Planos do espazo público.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.


Sesión 3: día 28 de xullo


Obxectivos:


Anteproxecto do espazo público.


Programa:


11.00 Formación de equipas de traballo e entrega de materiais.


11.15 Traballo en grupo. Propostas do grupo e conclusión de grupo. (1 proposta prioritaria e 2 non prioritarias)


12.00 Presentación e defensa das conclusións das equipas. Banco de propostas.


12.30 Discusión do banco de propostas. Acordo.


13.15 Conclusións. Documento de programa para o espazo público.


13.30 Remate.


Materiais necesarios:
  • Documento do acordo de programa de intervención no espazo público.
  • Maqueta do terreo-espazo público.
  • Módulos-xogo de construcción.
  • Material de debuxo.
  • pos-its.

**********
Enlaces relacionados:

Xornada Comunitaria sobre o Mercado de Caranza e os Espazos Públicos - Sábado 19 de Maio

Crónica - Desde primeira hora do sábado a actividade do Mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial - Xornada Comunitaria en Caranza: 19 de Maio de 2012
**********

Crónica - Desde primeira hora do sábado a actividade do Mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial - Xornada Comunitaria en Caranza: 19 de Maio de 2012



Xornada Comunitaria en Caranza: Desde primeira hora do sábado a actividade do Mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial - 19 de Maio de 2012


Desde primeira hora do sábado a actividade do mercado de Caranza, desenvolvíase dun xeito especial. Moitas das grises persianas de ferro, que manteñen fechados máis do 80% dos postos, aparecían cubertas de cores, de debuxos infantís co colorido alegre que os caracteriza, e de propostas, moitas propostas para converter unha das zonas máis deterioradas do barrio, nun espazo útil, dinámico e con valor para a comunidade.


Cinco asociacións de Caranza, a ANPA do IES Carvalho Calero, a ANPA do CEIP Manuel Masdias, a Asociación Cultural Fuco Buxán, a Asociación Sociocultural López Bouza e o Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, teñen trazado un camiño común para a posta en valor dun barrio que precisa dunha intervención comunitaria para mellorar a calidade de vida das persoas que o habitan.


O mercado de Caranza simboliza esa necesidade do barrio de reconstrución e rehabilitación. O abandono institucional que ven sufrindo este edificio público e o espazo que o circunda, decidiu a este grupo de asociacións a centrar a súa intervención comunitaria nel. Para iso contaron e contan co asesoramento e colaboración da delegación ferrolán do Colexio de Arquitectos de Galicia e da Asociación de Vendedoras e Vendedores do Mercado de Caranza.


Comezouse por realizar enquisas entre a veciñanza para recoller a súa opinión sobre a situación do mercado e coñecer as propostas e solucións que poden aportar.


Desde os centros públicos do barrio realizáronse visitas e traballos escolares sobre o mercado, animando á creación de ideas e solucións para este espazo público.


O sábado 19 foi a primeira cita para, dentro das propias instalacións do mercado, celebrar unha primeira xornada comunitaria para a posta en valor do mercado e comezar a criar colectivamente o proxecto da súa recuperación.


Unha das paredes do mercado proxectou imaxes de informativos onde os operadores e operadoras do mercado denunciaron en repetidas ocasións as condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo. Como contrapunto imaxes doutros mercados galegos, mostraban o que podería chegar a ser o noso.


A continuación, nun improvisado espazo entre dos postos de venda de froitas e verduras, Toni García, arquitecto, explicaba como barrios semellantes ao nosos en Europa, comezaron o camiño da rehabilitación con participación comunitaria hai xa varios anos. Explicou tamén como a arquitectura cambiou o camiño que tiña trazado até o século pasado, un camiño que comezaba por pensar os edificios, para ocupar espazos e posibilitar a vida. Agora o camiño recorrese á inversa, pensamos a vida e os espazos para decidir o tipo de edificio.


O arquitecto Miguel Raimúndez, encargouse da visita guiada polas instalacións do mercado, para ver, tanto os problemas derivados do paso do tempo e da falta de mantemento; aqueles problemas derivados dunha construción onde non se resolveron ben algúns problemas de permeabilidade; ou  aqueles outros que se derivaron de aplicar unha mala solución para os primeiros. Entrada de luz, ventilación, filtracións, evacuación de augas, cubertas... e unha viga exterior que precisa, xunto a esquina leste da cuberta, unha intervención urxente para evitar máis deterioro.


No espazo situado detrás do mercado improvisouse unha pequena asemblea onde se nos explicou as características das dúas parcelas que o conforman. Unha Casa da Mocidade, unha praza pública para celebrar as festas e o feirón, un espazo para o lecer e a convivencia... foron algunhas das ideas que comezaron a encher aquel espazo de soños que están chamados a converterse, na realidade dun barrio que desperta a unha nova etapa de construción comunitaria.


O acto nos medios:
Defenden a rehabilitación fronte á derriba nunha xornada sobre o mercado de Caranza [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 20.05.2012]


Rehabilitación [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 20.05.2012]


Saíu na Portada do Diario de Ferrol na edición impresa do Domingo 20 de Maio de 2012 [Acceder]


Cinco entidades de Caranza organizan unha xornada en torno ao mercado do barrio [Ir ao xornal: Diario de Ferrol - 17.05.2012]


Ferrol | Cinco asociacións de Caranza organizan unha xornada sobre o mercado do barrio | A cita é o sábado na propia praza de abastos [Ir ao xornal: La Voz de Galicia - 16.05.2012]


Enlaces de interese:


Blogues con información das actividades conxuntas das Asociacións do Barrio de Caranza - Ferrol.
http://barriodecaranza.blogspot.com.es/

http://caranza-ferrol.blogspot.com.es/



Fotos de Susete'70.


Fonte: Ártabra 21
________________

Xornada Comunitaria sobre o Mercado de Caranza e os Espazos Públicos - Sábado 19 de Maio


Sábado 19 de maio de 2012
1ª XORNADA COMUNITARIA


PASADO, PRESENTE E  FUTURO DO NOSO MERCADO


O próximo sábado vaise desenvolver a 1ª Xornada comunitaria para a posta en valor e visibilización da problematica do Mercado de Caranza, tendo como protagonistas aos veciños e veciñas do barrio, aos propios operadores e operadoras, e contando co asesoramento técnico do Colexio de Arquitectos. Esta dinámica comunitaria pretende desenvolver solucións viables, a este espazo público que desde hai tempo se encontra nun estado lamentable e infrautilizado. Quérese despertar o interese tamén da institución municipal, para efectivizar unha intervención da mesma neste espazo, pero que esta teña en conta as reflexións, necesidades e alternativas eleboradas polos veciños e veciñas.


Esta 1ª Xornada desenvolverá o seguinte programa:
Visita-charla-debate cos arquitectos:
  • Toni García.
  • Miguel Raimúndez.


Proxección de documentais:
A VIDA NO MERCADO


Panel de ideas.
Exposición de traballos escolares.


Lugar: Mercado de Caranza
Horario: de 11 a 13hs


Colaboran:
Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
Asociación de Vendedores e vendedoras do Mercado de Caranza


Organizan:
Asc. Sociocultural López Bouza
Asc. Cultural Fuco Buxán
ANPA IES Carvalho Calero
ANPA CEIP Manuel Masdias
Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos


Despois da última Asemblea de Barrio de Caranza, cinco entidades de Caranza acordamos encetar un camiño en conxunto de dinamización do barrio, MOBILIZACIÓN SOCIAL e posta en valor dos seus recursos, urbanísticos, de servizos, comerciais, paisaxísticos, humanos, culturais, ... é por iso polo que entre outras actividades, das cales daremos puntual información, acordamos celebrar esta 1ª Xornada Comunitaria sobre o Mercado de Caranza e os Espazos Públicos.


--
Asociacións do Barrio de Caranza


Ferrol


Despois da última Asemblea de Barrio de Caranza, cinco entidades acordamos encetar un camiño en conxunto de dinamización do barrio, MOBILIZACIÓN SOCIAL e posta en valor dos seus recursos, urbanísticos, de servizos, comerciais, paisaxísticos, humanos, culturais, ...


http://barriodecaranza.blogspot.com.es/


http://caranza-ferrol.blogspot.com.es/


FOLLA INFORMATIVA DE MAIO DE 2012 -N3


Despois da última Asemblea de Barrio de Caranza, cinco entidades de Caranza acordamos encetar un camiño en conxunto de dinamización do barrio, MOBILIZACIÓN SOCIAL e posta en valor dos seus recursos, urbanísticos, de servizos, comerciais, paisaxísticos, humanos, culturais, ... é por iso polo que entre outras actividades, das cais daremos puntual información, acordamos celebrar a festa d'Os Maios no barrio.


Esta vai ter lugar, se o tempo o permite, o vindeiro Sábado 5 de Maio, no Parque 'Carmelo Teixeiro' de Caranza, desde as 11 da mañá.


En que vai consistir?


Nunha reunión veciñal para construír 'Os Maios' nunha estrutura de madeira con flores, xestas, fiuncho e outro verde. Quen tiver levar o traxe tradicional ou un prenda, compartir música e cancións. É así como lle imos dar a Benvida ao despertar da primavera.

Este Maio ten que ser moi florido ...


Disque "O Maio" é un conxuro para botar fora o inverno, ligado ás labouras no campo e no mar. A chegada da primavera era motivo de alegría, as pólas de xesta floridas simbolizan a proteción. As asociacións do barrio: Asociación Sociocultural López Bouza, a Asociación Cultural Fuco Buxán, o Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, a ANPA do CEIP Manuel Masdias e a ANPA do IES Carvalho Calero, nestes novos tempos, van poñer pólas de xesta florida, fiuncho, rosas, laranxas ... para receber o despetar primaveral, queremos un cambio, queremos combater a Crise contra os que nos condenan ao paro e á pobreza, contra os que nos queren arrebatar os servizos públicos, a sanidade e o ensinio, queremos despertar a solidariedade e o apoio mutuo queremos mil primaveras mais para a nosa Lingua, este Maio ten que ser moi florido ...

**********